Sunday 19 de May de 2024

O pleno de Boqueixón dará hoxe luz verde a unha rebaixa dun 10% na taxa de recollida do lixo


Esta redución podería manterse no tempo se a cantidade de refugallos recollidos por Sogama se ve diminuída

O Pleno de Boqueixón dará hoxe luz verde nunha sesión extraordinaria a unha modificación na taxa de recollida do lixo. Esta traducirase nunha bonificación dun 10% con respecto ao exercicio anterior.
O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, explica que “no caso dos domicilios, a taxa do lixo pasará dos 62,53 euros actuais aos 56,28 € que se cobrarán no 2021. Con esta rebaixa, pretendemos incentivar que a veciñanza aposte pola reciclaxe e pola redución de residuos orgánicos”, indica o rexedor.
Máis concretamente, no artigo 8.4. da Ordenanza fiscal reguladora da taxa por actividades e servizos relacionados coa hixiene urbana indícase que se establece “unha bonificación na contía do canon unitario do tratamento por tonelada anual nunha porcentaxe que non exceda do 10% da cantidade que en concepto de canon non estivese vixente no ano inmediatamente anterior”.
Para reforzar o labor de reciclaxe e redución de refugallos, o Concello de Boqueixón “sacará a licitación a principios de xaneiro a adquisición de preto de 1.000 composteiros que se repartirán entre a veciñanza. O obxectivo desta nova campaña, posible grazas ao apoio da Consellería de Medio Ambiente, é que todas as casas do municipio conten con cadanseu composteiro. Deste xeito, buscamos fomentar a redución de refugallos nos colectores verdes”, concreta Fernández Munín.
A campaña que porá en marcha o Concello de Boqueixón a principios de 2021 reforzarase con sesións formativas á veciñanza co fin de aprenderlles o correcto uso destes colectores. A maiores, entregaranse trípticos con completa información sobre como separar os refugallos e realizar a compostaxe caseira.
Estas accións suporán un investimento de preto de 60.000 euros.

Fernández Munín aclarou, ademais, que “se durante o vindeiro ano se ve reducida a cantidade de residuos orgánicos enviados a Sogama, seremos quen de manter esta rebaixa na taxa de recollida do lixo. Animo a toda a veciñanza a colaborar neste labor por respectar o noso medio ambiente e contribuír a conservalo”, engade o alcalde boqueixonés.

Por outra banda, o pleno extraordinario desta noite tamén aprobará a solicitude de adhesión ao Convenio entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP para a tramitación dos procedementos sancionadores competencia do Concello de Boqueixón, relación co incumprimento das medidas de prevención aprobadas para a loita contra a COVID-19. Deste xeito, todas as sancións serán xestionadas a través da Administración autonómica.